No ano 1999 a ONU estableceu oficialmente o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres e as nenas en todo o mundo.
Ogallá non fose necesario adicar un día do ano á erradicación da violencia machista, que a día de hoxe aínda continúa enraizada na nosa sociedade (xa sexa nas relacións sociais, na publicidade ou en diversos produtos audiovisuais). Nós rexeitamos non só a violencia machista, senón calquera tipo de violencia.
Neste sentido, as bibliotecas escolares son espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia e para a erradicación de determinadas crenzas e estereotipos de xénero. Por esta razón, e nun día como este, queremos recomendar á autora Adela Turín.
Xa hai máis de 40 anos esta escritora creou a colección “Dalla parte delle bambine” co obxectivo de combater a discriminación de xénero no eido da familia patriarcal. Títulos como Arturo e Clementina, Rosa Caramelo, A historia dos bonobos con lentes e Unha feliz catástrofe son títulos desta colección, e podemos encontralos en galego grazas a editorial Kalandraka.
Non debemos esquecer que as actitudes sexistas e os comportamentos agresivos ou violentos son condutas aprendidas, e a nosa misión como educadores é a de fomentar valores positivos de igualdade, respeto e convivencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario